Benquerido amigo/a,
Un ano máis poñémonos en contacto contigo, desde a Delegación Diocesana de Pastoral Vocacional, para invitarte e animarche a que participes no Festival da Canción Vocacional que este ano cumpre a súa XVIª edición. Terá lugar en Mondoñedo o Sábado 30 de Abril de 2011.
Preocúpanos seriamente a crise de fe que afecta a sociedade actual e repercute concretamente na Igrexa. Esta situación evócanos o texto de Jn 20 no que o apóstolo Tomé clama: “Eu quero ver”. Verdadeiramente é reflexo do que pasa hoxe: necesitamos ver para crer. Pero o evanxeo convídanos a ver cos ollos da fe. Por iso, o lema deste ano será “Eu quero ver”, que se entende, en sentido vocacional, como necesidade de ver a Xesús, do encontro con El, como resposta á súa chamada.
Ademais de poder participar no Festival coas vosas cancións ou coa vosa asistencia, invitámosvos tamén a colaborar na elaboración do cartel do Festival. No mesmo ten que aparecer o lema, o día e lugar de celebración así como quen o convoca. Pódese facer no formato que se queira e envialo ás direccións de correo postal ou dixital que aparecen máis abaixo. Como podedes entender, isto ten que facerse pronto, polo que o límite de entrega será o 27 de febreiro. Aquel cartel que consideremos máis apropiado, será o que empreguemos para dar publicidade ao Festival deste ano.
Non só queremos que participedes co canto, nos obradoiros ou na confección do cartel; este ano podedes participar tamén realizando unha presentación en formato PowerPoint que recolla o sentido do que celebramos no Festival (pode ser unha presentación cun conto, redacción, con imaxes ou debuxos, etc…). O prazo límite para entregalas será o mesmo que para as cancións. As presentacións que fagades verémolas o día do Festival e colgarémolas no noso blog.
Se tes algunha dúbida, ponte en contacto con nós: festivalcancionvocacional.pvmf@gmail.com
Só queda animarte a que participes nalgunha das actividades que presentamos; tamén podes vir simplemente a participar do día de convivencia e divertirte coas actuacións.
Un cordial saúdo, A ORGANIZACIÓN DO FESTIVAL
festivalcancionvocacional.pvmf@gmail.com
http://festivalcancionvocacional.blogspot.com/
BASES DO XVI FESTIVAL DA CANCIÓN VOCACIONAL
1.- A canción debe ter unha mensaxe vocacional co lema “Eu quero ver”. A canción non ten por que titularse así, nin cinguirse literalmente ó lema.
2.- A letra e a música deben de ser orixinais.
3.- As composicións poden ser en Galego ou en Castelán.
4.- Haberá dúas categorías:
§ Infantil (ata 14 anos). Nesta categoría pode participar un adulto acompañando con algún instrumento.
§ Xuvenil (de 15 anos en diante)
5.- Serán premiados os tres mellores de cada categoría.
6.- A instrumentación é libre.
7.- Ninguén pode participar en máis dun grupo. (A excepción de acompañante grupo infantil).
8.- Cada grupo só poderá presentar unha canción.
9.- Tódolos concursantes deben de comunicar por escrito ou por e-mail a súa participación, adxuntando:
§ Nome do grupo, nº de compoñentes, lugar de procedencia e nivel
§ Nome e dirección do responsable do grupo
§ Título da canción
§ Copia da letra xunto cos acordes da mesma
§ Grabación da canción (en formato CD, casette ou mp3)
§ Cuestionario
10.- É imprescindible a puntualidade no prazo de inscripción e entrega.
Todo isto enviarase antes do 11 de abril a:
XVI FESTIVAL DA CANCIÓN VOCACIONAL
Rúa da Estrela, 2
15350 CEDEIRA (A CORUÑA)
ou á nosa dirección de correo electrónico: festivalcancionvocacional.pvmf@gmail.com
Queremos recalcar algo importante: os grupos participantes deben vir acompañados polos seus responsables, que estarán atentos a eles e participarán xuntos en toda a Xornada de Encontro-Convivencia na que se enmarca o Festival. Pídese o cuidado dos espazos que utilicemos.